Se me mandaran falar de pasado e bicis en Galicia pouco máis sei que decir que as marcas
Honor e Delio.
Inesperadamente atopei unha Honor Moncayo e buscando información vin que non había case nada en internet. Pero si un libro, "120 anos de ciclismo galego". E sintoi moito se lle parece mal o que o escribeu, pero aquí queda a disposición do que busque, máis ou menos todo o que pon sobre Honorino Méndez o creador da marca Honor.
Como ciclista:
HONORINO MÉNDEZ, GRAN FIGURA DO PEDAL.
En Santiago, entre finais da primeira e a segunda década so século XX, as grandes figuras do ciclismo compostelán foron Honorino Mendez e o xa citado Santiago Tojo, ambos con grandes carreiras nos seus historiais. En outubro de 1916, en Compostela, corrían xuntos con desigual fortuna. Honorino sería campión galego e Tojo nin sequera se clasificou entre os primeiros.
Unha das primeiras referencias que temos dun Honorino Mendez residente en Santiago á marxe do ciclismo, data de finais de novembro de 1909, pola prensa compostelá. Concretamente El correo de Galicia atríbuialle a condición de xestor de embarques de emigrantes no porto da Coruña. Claro que non sabemos con certeza se se trataba do futuro ciclista ou doutro residente en compostela que coincidise con el en nome e apelido. Quizais el, que daquela tiña ao redor de 17 anos, era demasiado novo para ese traballo.
Méndez, nacera en 1892 en Vedra, na Coruña, onde o seu pai era comandante do posto da Garda Civil, casado cunha galega da capital da provincia. Esta enviuvou axiña e nun momento dado, Honorino, que debía ter horror ao servicio militar, trasladouse a Arxentina e Chile, primeiro, e a Francia despois. Neste país acudía a unha academia de aviación, segundo fontes e familiares coa pretensión de ser piloto, e parece que nalgún momento esnaquizou un aparato. Non puido pagar os danos, e debeu abandonar a academia e regresar a España, onde o declaran prófugo, e a pesar diso, parece que tivo habilidade para evitar o cumprimento daquela obriga coas Forzas Armadas.
Informacións familiares confirman que cando chegou a Chile era un bo corredor, ata o punto de que en 1912 quixeron integralo no equipo nacional para acudir os Xogos Olímpicos de Estcolmo. Isto obrigáballe a nacionalizarse e desistiu, pero sen dúbida regresou a España con ansia de ser de todo un as dos pedais.
Pero sigamos ao Mendez deportista nos seus primeiros pasos en Galicia, incluso antes de emigrar. O domingo 26 de xullo de 1908, nunha denominada Festa Deportiva que se celebraba no campo compostelán de Santa Isabel, ademáis de probas atléticas, organizouse unha carreira ciclista. De acordo coa penuria do deporte do pedal naquel momento, soamente participaron catro corredores locais, obrigados a dar oito voltas en catro minutos. Faro de Vigo do martes, dous días depois, ofrecía unha curiosa información dos resultados: "Llegaron en primer lugar Honorino Méndez, en segundo no recordamos quién y en tercero Aurelio Villega, todos santiagueses". A xulgar polos 16 anos que tiña o noso personaxe, esta podía ser a súa primeira competición, ou cando menos unha das iniciais.
Tanto en 1908 como nos anos inmediatos eran outros, en xeral, os números deportivos fortes nas celebracións do Apóstolo, como o fútbol ou pedestrismo.
No tocante ao deporte do pedal houbo en Santiago, na primavera de 1909, unha carreira rexional de dous mil metros, a local de mil seiscentos, un concurso de axilidade e destreza, mais a raíña, que non era outra que a carreira de dobre fondo de tres mil metros de percorrido e finalmente, a habitual de consolación. Na local, Honorino quedou terceiro, sendo o vencedor Sergio González. Na de tres quilómetros o que sería excelente ciclista proclamouse campión. "Puede quedar satisfecho el Club Ciclista por el brillante éxito que obtuvo en su primera fiesta, comentaba la prensa local.
CARREIRAS CON 60 INSCRITOS EN PONTEVEDRA.
En septembro de 1910, Honorino Méndez probaba sorte en Pontevedra nunhas carreiras patrocinadas polo semanario local El Progreso. A publicación, que organizaba aquelas probas a favor da Casa Hospicio da cidade do Lérez, conseguíu unha inscrición de máis de sesenta corredores, cousa que naqueles tempos de escasa puxanza na afección era certamente un éxito quizáis sen precedentes. Había máis de dúas ducias de corredores en Pontevedra, case unha decena de Vigo - entre eles algúns de calidade, como César Baraja e Eduardo Posada-, non poucos de Vilagarcía, Marín, O Grove, Tui, Redondela, un só de Santiago-que era Honorino- e dous ourensáns, un deles Narciso da Cunha, xa comerciante do ramo de bicicletas na rúa do Progreso, en Ourense.
Como xa era habitual, Honorino Méndez demostrou a súa clase nas dúas carreiras máis importantes. Na rexional de resistencia, de 4.310 metros de percorrido, foi o vencedor, e na rexional de velocidade, de 2875 metros, quedou o segundo, despois de Raimundo Novas, pontevedrés.
Aqueles non eran tempos en que se mantivese permanente o especial interese que houbo antes polo ciclismo. Preocupaban máis os turismos, que se facían donos das estradas: "En varias poblaciones de Galicia -comentaba entón precisamente o Diario de Pontevedra-, se han adoptado medidas para evitar las desgracias que por imprudencia están causando a cada paso los conductores de automoviles"
A teor do recollido, non temos demasiadas referencias da práctica ciclista de Honorino Méndez desde os seus inicios, como xa sinalamos, probablemente en 1908, e ata a mediada a segunda década do século pasado. Quizais se reducen sensiblemente pola súa estancia en países estranxeiros. Ata que o domingo 1 de agosto de 1915 provocou a sorpresa en Santiago, a cidade na que residía. O Garaje Auto Ciclo e a Liga de Amigos, que durante algúns anos, naquel tempo, animaron o deporte do pedal en Santiago, organizaron unhas competicións no campo deportivo compostelán. O escenario era o xa mítico campo de Santa Isabel, no que os corredores deron para empezar dúas voltas á pista.
Ademáis das carreiras de neófitos e outras de escaso interese, houbo unha dun quilómetro de percorrido, na que venceu o santiagués César Caulonga. Todo o demais foi para Honorino: na carreira de primas, a primeira volta tivo como gañador a Caulonga e a segunda o noso personaxe. A carreira de resistencia, de seis mil metros, gañounas Méndez, que obtivo varios premios en metálico, o mellor dotado de setenta e cinco pesetas. Así mesmo, Honorino Méndez foi o gañador dunha bicicleta Auto-Ciclo que se concedía ao participante que pasase máis veces en primeiro lugar pola meta.
1916: CAMPIÓN GALEGO E SEGUNDO NA NACIONAL
Como tantas veces organizaba o garaxe compostelán Auto Ciclo. A comisión de festexos que interviña tamén nos preparativos, estaba presidida por un ilustre: Armando Cotarelo. Foron ambiciosos porque organizaron, superpostas, dúas probas: a Nacional, de 128 quilómetros, e a Rexional, de 64. En definitiva, tratábase do itinerario Santiago- A coruña- Santiago.
Ademáis de cicleiros galegos participaron varios de Madrid, algúns de recoñecida solvencia, como no caso de Joaquin Carballosa, campión de Asturias, e uns cantos galegos, entre estes Abel Álvarez, á sazón campión rexional, que fora vencedor da prestixiosa carreira Acción. En total, dezaseis inscritos, dos que correron trece e destes tres non chegaron á cidade da Coruña. "Los tres restantes", decía Faro de Vigo, "regresaron a Santiago en automóviles de linea". O coruñés Abel tivo un accidente ao chocar cun porco, o que motivou que a súa bicicleta quedase feita un oito e, el, naturalmente retirouse. Entre os asistentes, como auxiliar desde un vehículo e nembro ddo xurado, Manuel Neira, o compostelñan que residia en Vigo e fora campión de España en 1904 e 1908. E a inestimable colaboración do santiagués doutor J.P.C, que tivo que asistir e incluso intervir cirurxicamente a un dos membros do equipo organizador, un tal Martínez, que esnaquizou un pé nun accidente.
O día foi de cans, e contabilizarónse ata tres ballóns con fortes ventos. Honorino adxudicouse a banda de campión rexional e ademais quedou de segundo na nacional. Nesta, o madrileño Ramón Valentín, gañador, cubriu o percorrido en 5 horas e 18 minutos, en tanto que Honorino empregou 5 horas e 28 minutos, proclamandose segundo. Tales probas fixeron afirmar ao diario Gaceta de Galicia, noutros tempos tan interesados na promoción deste deporte: "Ha tomado tal incremento en esta población el ciclismo, que la juventud puede estar satisfecha del éxito"
A publicidade que fixo a marca Automoto dos resultados das súas máquinas naquela proba foi incrible. Nalgún periódico da época, a cuxa colección completa non puidemos acceder, chegamos a contabilizar unha ducia longa de insercións, desde pouco despois dos campionatos ata xaneiro de 1917.
Honorino Méndez presentouse aquel mesmo ano 16 ao "Campeonato Nacional" ou "Ronda Nacional". Daquela proba ofrécenos unha curiosa anécdota o coruñés Luis Molist Rodriguez, no seu breve folleto La bicicleta. Honorino ía en segundo lugar, non lonxe da meta, cando ao iniciar a manobra para adiantar o primeiro, este cruzóuselle pola súa roda dianteira, o que provocou que o galego caese o chan, e puido ser o motivo de que non resultase triunfador, dado que, aínda así, resultou clasificado en segundo lugar. A infanta Isabel de Borbón, que presenciou o ocorrido pediu a Honorino que subise ao palco presidencial, e obsequiouno cun vaso para flores de Sevres, que aínda conservan os descendentes do ciclista e comerciante. Ao ano seguinte, en 1917, Honorino volveuse proclamar campión de Galicia.

Honorino Méndez retratado por Luis Ksado.
Como cicleiro:
UN NOVO COMERCIO NA RÚA DAS BICIS, EN SANTIAGO.
Sen dúbida o comercio de bicicletas máis importante que houbo na historia de Santiago foi o de Honorino Mendez, que ao deixar o ciclismo alá por 1921, abriu o seu establecemento na Fonte de Santo Antonio. Aquela podería ser considerada a rúa das bicis en Santiago, porque estiveron sucesiva e simultaneamente nela tamén, o Garaje Núñez eo Garaje Auto-Ciclo. Non sei que tipo de relación tiña Honorino co propietario deste último negocio, pero o certo é que ao redor á súa época de maior esplendor como ciclista, dirixía as excursións que aquel organizaba.
Fachada do establecemento compostelán situado na Avenida de Rodrigo de Padrón, nos anos vinte.
Non debeu tardar moito Méndez en cambiar a sede do seu estabrecemento á praciña de Fuenterrabía número 1. Alí permaneceu bastantes anos, e ao pouco de abrir as portas xa presumia de ser "la mayor organización de ventas de bicicletas , motocicletas y accesorios en el Norte de España". Durante moito tempo, os artigos que máis vendía eran os velocípedes Alcyon e as motocicletas BSA. Pouco despois, ao redor a 1926, incorporaba outra marca, as acreditadas bicicletas Raleigh, e promovía motociclos a partir de 1750 pesetas. Honorino conservaba as boas maneiras de campión, pero xa non participaba en competicións; o máis a que se atrevía, de cando en vez, era a xogar un café con amigos nunha carreira que facían ata Pontevedra.
De 1927 data un impreso de Honorino Méndez, que levaba a referencia de "Tarifa confidencial para industriales". Ademais de tres modelos de BSA, abrían a lista 17 bicicletas diferentes, boa parte delas Alcyon, pero tamén outras das marcas Philos e Winsor. Aquelas vandíaas el entre 177 e 275 pesetas, mentres que as segundas a súa venda ao público establecíase, respectivamente, en 225 e 350 pesetas. De Alcyon ofrecía seis modelos: estrada con freo de cable, turista con freos de variñas, de freo contrapedal, de luxo con cambio e marchas e dúas de carreiras: unha coñecida como Volta de Francia e a outra con rodas tubulares.
Interior dun dos locais en Santiago. Nalgúns períodos presumía de exhibir hasta mil bicicletas.
Un experto na historia do ciclismo como é o pontevedrés doutor Antonio Dias Lerma, aseguranos que na década de 1920 a 1930 se produciron cambios moi profundos na bicicleta. Por exemplo, pasouse do piñón fixo ao libre e logo incluso aos piñóns franceses de dúas coroas. As innovacións, inumerables, adaptábanse con frecuencia do que se experimentara na Volta a Francia. Por aqueles tempos, cando xa existía o cambio de marchas nas bicicletas de paseo, aínda non se incorporara ás de carreiras. Había ciclistas que eran un verdadeiro prodixio, capaces de facer o cambio co tacón e punteira.
En 1930, aínda no seu establecemento de Fuenterrabía, onde permanecería varios anos, o compostelán Méndez anunciaba con profusión as motocicletas BSA, que catalogaba de "la ultima perfección en diseño y calidad". En 1931 convertía a bicicleta no xoguete de moda para Reis. Regalando por estas datas unha bicicleta, dicíalles Honorino aos seus clientes "cumple Vd. su deber de padre, que espera ver a su hijo de hoy el hombre fuerte de mañana"
Daquela instalación trasladou una vez máis o comercio, ao tempo que se convertía en fabricante das marcas Honor e Homen. A súa localización neste caso foi a Avenida Rodrigo de Padron e ao propio tempo dispoñía doutro local na rúa do Vilar, segundo referencias da familia. Pola nosa parte confirmamos que desde 1929, se non antes, contaba tamen cun almacén- exposición, na Avda. de Figueiroa, 1bis, sen deixar Fuenterrabía, sede do despacho e escritorio. Así o anunciaba o citado o citado ano, como unha novidade. ¡E presumía por entón de ter existencias permanentemente entre cincocentas e mil bicicletas das marcas Robust, Philos, Alcyon, Bsa e Raleigh! Finalmente, ao redor da Guerra Civil, Méndez estableceuse en Xeneral Pardiñas, onde permaneceu o negocio ata a súa desaparición. Hoxe érguese alí o edificio Honorino, construido na súa memoria.
Nos anos trinta, Honorino Méndez, promoveu sobre todo as súas propias máquinas. Honor, unha das marcas, era presentada en 1933 como "la bicicleta que vale más de lo que cuesta". Segundo o constructor compostelán, aquel artigo da súa fabricación non se oxidaba, non perdía os esmaltes nin se gastaban os rodamientos. Honor era na súa propia expresión, "una bicicleta para toda la vida". Ao ano seguinte, a mesma marca era ofrecida como "la bicicleta española de calidad".
Era aquel un personaxe de grande inventiva, que aplicou ás súas bicicletas. Segundo contou no seu día o xornalista Emilio Navaza, recollido de fontes familiares, pasou ano estudando Física, co propósito, ¡nada menos! que de crear o movemento continuo. Non chegou a tanto, pero foi da súa invención unha máquina para curvar tubos, enxeño que tivo un gran éxito. Supoño que el mesmo, un virtuosos do debuxo lineal, creou ou cando menos axudou a deseñar o anagrama das súas marcas. Na de Honor, da que se conservan exemplares, obsérvase como fondo da marca o escudo de Galicia, e ao pe o nome de Sant Yago. Tivo un mercado amplo para a súa producción, xa que vendía non só en Galicia, senón tamén en Asturias e León. Algún ano chegou a vender nove mil bicicletas.
CANDO HONORINO CREOU A ESCOLA CO PORTUGUÉS
Juan Días Lagoaça, O Portugués, como rematarían por coñecelo todos, traballaba na produción e capotas para coches no seu país, e tiña fama de facelo moi ben. Tanto é así que ao redor a 1924, segundo o seu fillo Antonio Dias Lema, Neira, un célebre xoeiro que era tamén gornicioneiro, tróuxoo con el a Santiago para que traballase para el na súa especialidade, que nunha ampla zona de España apenas tiña cultivadores. Aquel traballo permitiulle relacionarse cun grupo de ciclistas composteláns, desde Honorino Méndez -xa retirado da actividade- ata Alejandro Calvo, pasando por Tristán.
Nun momento dado, cando o noso personaxe xa contraera matrimonio, Honorino Méndez viu no seu amigo O Portugués madeira de home de negocios, e animouno a establecerse. Efectivamente, abriría o seu comercio co nome de Casa Motocyclo en Pontevedra. E como o seu mentor, empezou a promover numerosas carreiras ciclistas. Durante un tempo vendía especialmente Alcyon, a deportiva, e Raleigh como bicicleta de paseo. Vimos anuncios de 1926, co local aberto en Manuel Quiroga, 16, cando a bicicleta francesa da que era axente fora vencedora no premio de regularidade da Volta de Francia e de Bélxica, nalgún caso por décima vez.
Despois, cando Honorino se converteu en fabricante, O Portugués pasou a vender os seus productos, Honor e Homen, a primeira e a segunda marca do compostelán. Se unha era cromada, a outra era niquelada, entre outros matices diferenciadores. Algunhas veces, o comerciante pontevedrés nin sequera mencionaba o nome do seu establecemento na publicidade, pero era habitual que concluíse os seus reclamos coa chamada: "¡Todos a comprar al garaje del Portugués!
O compostelán viña tendendo de antigo unha rede de comercios asociados en Galicia que, ademais da pontevedresa Casa Motocyclo, influía a Roberto Huertas, que era grande afeccionado ao ciclismo e que tiña establecemento en Vigo. Tamén desde 1934 en Lugo existía o Garaje Honor, situado na Rolda da Coruña e propiedade de Fernando Bermúdez, que vendía as maquinas do ex-campión de ciclismo Méndez. Con anterioridade a esta data, cando Honorino baseaba a súa actividade sobre todo na venda de Raleigh e Alcyon e non tiña as suas propias marcas, aparecían na súa rede comercial o citado Juan Días, O Portugués, en Pontevedra; o ferrolán Luis Feal, con tenda aberta na rúa de María, e outro ex-ciclista nacido en Portugal, Narciso da Cunha, establecido na ourensá rúa do Progreso.
Estimamos que ao redor a 1933, ou moi pouco antes, levou a cabo unha forte acción comercial en Galicia a casa eibarresa Orbea. As máquinas de competición desta firma vasca xa correran aquel ano na I Volta a Galicia. Dous anos máis tarde, en xullo, a empresa vasca ofreceulle á Sociedad Ciclista Viguesa seis bicicletas tipo super-pluma, obsequio destinado aos seis mellores routiers daquela organización. A empresa esixía a cambio que corresen as grandes probas coas súas máquinas, que varios ciclistas galegos estrearon na edición da Volta ao País Vasco de 1935. Por aquela, o máis caracterizado representante de Orbea en Galicia era o Garaje Internacional de José Abalde Gonzalez, na rúa Uruguai de Vigo. Felix Latorre tiña tamén a condición de distribuidor da marca en Lugo, en tanto que Narciso da Cunha, que todo indica que deixara a representación de Honorino Méndez, vendía as mesmas máquinas en Ourense.
Precisamente Orbea sería entón o principal competidor de Honorino Méndez. As organizacións ciclistas do sur aliñábanse claramente con un ou con outro: o Velo Club Vigués, por exemplo, era de Honor, en tanto que a Sociedade Ciclista Viguesa se inclinaba máis por Orbea. Pola súa parte, Juan Días Lagoaça tamén animou ao ciclista Manuel Rosales a montar un comercio de bicicletas, que tivo aberto algún tempo na súa vila natal, Marín.
Quizais por esa presión de Orbea, Honorino ordenaba bastante publicidade en 1935, aínda que ben é certo que nunca deixou facela, como xa temos apuntado. Por entón anunciaba Homen e Honor como "las marcas símbolo de perfección y calidad". En canto un deportista vencía montando unha Honor, anunciaba o feito, por pouca entidade que tivese o ciclista dese momento.
Emilio Navaza, periodista compostelán que nos prestou unha valiosa colaboración nalgúns extremos relativos a vida de Honorino Méndez, grazas a un traballo dedicado a este en El Correo Gallego comenta como o ex-ciclista quixo salvar o que era a súa insignia de fabricante. Eran os tempos da posguerra e "Honorino Méndez viajó al Pais Vasco y llegó a un acuerdo con Orbea para que fabricara sus bicicletas con la marca Honor, pero al ver el diseño y la calidad de los cuadros de Honorino - escribía Navaza na súa sección "Sagas familiares" do diario compostelán-, la empresa Orbea los utilizó para vender ella en toda España. Pasados los años, con la aparición de la televisión, la gente comenzó a comprar lo que se anunciaba en la pequeña pantalla, inclinandose por Orbea, lo que provocó que en el mercaso de perdiera la marca Honor". Hai que anotar, por outra parte, que ao longo da súa vida comercial Méndez vendeu motocicletas de diversas marcas(*)
Na importante rúa compostelá de Xeneral Pardiñas permanecería o establecemento aberto por Honorino Méndez ata despois da súa morte, acaecida nos primeiros anos da década de 1970. Estivo en mans de Esperanza a súa filla e da súa esposa Celia. Tamén traballou. Tamén traballou no establecemento un dos netos. O peche da casa Honorino Méndez produciuse en 2001.
A bicicleta en cuestión era unha Honor Moncayo pertencente a esa época (1970-1980?) :
Dícese que daquela que morrerá Honorino, Orbea sigueu fabricando bicicletas co seu logo por un acordo que mantiña coa viuva deste. No libro non aparece nada desto. Pero realmente a información que mellor pode recadar un é a dos testigos daquela época, que aínda queda algún en activo. Chega con falarlle do tema Honorino a calquera mítico do gremio das duas rodas de Santiago e xa chove información.